Saturday 27 de April de 2024

O CIFP de Someso celebrou o comezo das Prácticas Profesionais en Empresas de 222 alumnos dos ciclos medios e superiores de FP


No acto participou o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, que destacou que a Formación Profesional e “o auténtico motor do sistema educativo”
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou esta mañá no acto de Inicio das Prácticas nas Empresas dos alumnos de 2º curso dos ciclos medios e superiores, das familias profesionais de Edificación e Obra Civil, Carpinteira e Moble, Fabricación Mecánica, Transporte e Mantemento de Vehículos e Imaxe Persoal do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) de Someso, na Coruña. No acto tamén participaron o xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Indalecio Cabana; o presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla, e o director do centro, Juan Carlos González Purriños.

A cerimonia contou coa presenza de 214 alumnos que inician agora a súa andaina en prácticas en empresas da cidade e a súa comarca. Tamén tomaron parte outros oito estudantes que realizarán as súas prácticas en Alemaña e Italia a través do programa Erasmus+, o programa que trata de impulsar as perspectivas laborais e o desenvolvemento persoal, ademais de axudar aos sistemas de educación, formación e mocidade a proporcionar un ensino e unha aprendizaxe que doten ás persoas das capacidades necesarias para o mercado laboral e a sociedade actual e futura.

No CEFP de Someso estudan na actualidade 1.240 alumnos. Os ciclos de Formación Profesional Básica son compartidos co IES Elviña e o IES A Sardiñeira. O CIFP Someso, foi inaugurado o 29 de agosto de 1960 como Centro de Formación Profesional Acelerada. No ano 1984 toma o nome de Centro de Formación Profesional Someso e no ano 1988 pasa a depender da Xunta de Galicia. Dáselle a partir do ano 1989 un forte pulo coa remodelación de parte dos talleres, pero é en 1991 cando adquire a estrutura actual ao se construír o conxunto de aulas central do instituto. Na mesma parcela créase a Escola de Imaxe e Son. No ano 2006 créanse en Galicia os Centros Integrados de Formación Profesional.

Ovidio Rodeiro sinalou que “a formación profesional é o auténtico motor do sistema educativo de calquera país avanzado, porque nace, medra e bota raíces na inserción laboral, aportando menos paro e, en consecuencia, máis futuro. O delegado territorial animou aos 230 rapaces que afrontan a súa primeira profesional lembrándolles que “hai moitos ollos pendentes de vos, agardando que sexades a resposta ás novas demandas do mercado de traballo”. “Non nos defraudedes, pero por riba de todo, non vos defraudedes a vos mesmos”, rematou.